A Coruña a 19 de xaneiro de 2026

• ACEM desenvolveu neste 2025 un proxecto de transporte adaptado que permitiu a facilitar o acceso a diferentes servizos sociosanitarios.
• Este proxecto beneficiou a 25 persoas con esclerose múltiple e outras enfermidades crónicas
• Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE
A Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM) desenvolveu un Programa de mantemento de transporte adaptado grazas ao cal 25 persoas con discapacidade, residentes na Coruña e a súa área metropolitana puideron acceder a distintos servizos sociosanitarios entre os meses de xullo e decembro.
Este programa, presentado a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), estaba dirixido a persoas con esclerose múltiple e outras enfermidades crónicas con mobilidade reducida. A través do transporte adaptado logrouse mellorar a autonomía persoal e calidade de vida das persoas usuarias do servizo. Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE.
A Confederación xestiona esta subvención para o financiamento dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.
A Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple – ACEM é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa a persoas con esclerose múltiple e aos seus familiares. O ámbito de actuación abarca todo o territorio da provincia da Coruña e nela promóvense toda clase de actividades e información destinadas a mellorar a situación e calidade de vida das persoas afectadas por esta enfermidade.